Thursday 28 de March de 2024

O Concello remata os traballos de renovación da iluminación exterior do campo de fútbol Irmás Patiño


· A actuación, que contou cun orzamento de preto de 40.000 euros, está financiada a través do Plan Único da Deputación da Coruña.

· Substituíronse as luminarias existentes nas 4 torres por outras con tecnoloxía LED, acada do unha mellor visibilidade, un aforro do 73% na factura e diminuíndo as emisións de CO2.

O Concello de Camariñas dá por rematadas as obras de renovación da iluminación exterior do campo de fútbol Irmás Patiño, que contou cun orzamento de 39.974,9 euros e está financiado a través do Plan Único da Deputación da Coruña.

Os traballos que se levaron a cabo consisten en desmontar as actuais luminarias existentes nas 4 torres e substituílas por outras con tecnoloxía LED. Ademais, instalouse un novo soporte para poder incorporar outros dous focos e que sexan 6 os instalados en cada estrutura.

Este proxecto permitirá acadar unha mellor visibilidade nas instalacións do campo de fútbol Irmás Patiño e tamén se conseguirá un aforro na factura do 73% con respecto ao gasto que tiñan as anteriores luminarias. Por outra banda, grazas á tecnoloxía LED redúcense as emisións de CO2 co conseguinte beneficio de cara ao medio ambiente.

O concelleiro de Obras, Sergio Caamaño, sinala que “ademais de dotar dun mellor servizo a un espazo empregado por moitas veciños e veciños, suporá unha optimización en materia medio ambiental”. O edil quixo destacar o “compromiso” da Deputación da Coruña en materia de infraestruturas.